Maruja Mallo

 

 

En “Maruja Mallo. A pintura da nova muller”, Carlos Bernardez identifica con claridade a función da palabra na tarefa do historiador. Digo isto porque escribir ou falar de pintura é un exercicio complexo, sempre é unha  simple tradución e pode que sexa este o motivo polo que moitos pintores evitan falar dos seus cadros. Pero tamén fago referencia á utilización da palabra porque nestes días, revoltos para a arte, os novos pintores, os historiadores e os curadores mestúranse en prácticas confusas ao redor da palabra. Algúns confunden as ideas coa arte e, sen dúbida, hai un camiño directo dende a razón ás ideas, pero non dende a razón ás emocións.

Isto que acabo de apuntar é fundamental, porque indiscutiblemente, as emocións –e non as ideas- son a materia humana da arte. Francisco Ayala -por certo, gran coñecedor da obra de Maruja Mallo-, falando da materia da arte, dixo nunha das últimas entrevistas que lle fixeron, que “primeiro as emocións, porque elas non cambian nunca; logo as ideas, porque estas son efémeras”. As palabras son estreitas para falar de pintura, porque non hai camiño directo dende a razón ás emocións, son unha pobre tradución. Por isto, repito, falar de pintura é complexo. Esta é a primeira verdade que ten que ter en conta un historiador da arte para facer historia da arte e non literatura, que pode estar moi ben partir da pintura para facer literatura, pero isto é outra cousa e é algo que sabe moi ben Carlos Bernárdez.

Gústame o contido deste libro sobre Maruja Mallo, en primeiro lugar porque Carlos Bernárdez non confunde arte e idea, por eso as súas interpretacións están fundamentadas na realidade da obra. Identifica claramente o que pode obxectivizar da observación da arte e das emocións e temos que ser conscientes de que para escribir sobre arte, neste sentido, hai que ter moita humildade, fundamentalmente porque hai que abandoar a tentación da fantasía propia para ser, en cambio, só un observador silandeiro. O libro de Bernárdez sobre a obra de Maruja Mallo é unha analise humilde, obxectiva, sistemática, estruturada. É decir, que ten as cualidades da observación métodica do investigador, algo do que hoxe carecemos no eido das artes. Na actualidade é pouco frecuente atopar un traballo tan ben feito. Hoxe os historiadores semellan ser poetas; os artistas, políticos e os políticos, artistas e isto debería preocuparmos, especialmente aos que nos dedicamos profesionalmente á arte.

Non debe escapar á nosa observación que esta filosofía de traballo que exhibe Bernárdez implica una posición valente fronte a actualidade porque trascende as tendencias que se observan na práctica profesional. Dende a miña perspectiva, o punto de partida ou a filosofía con que se aborda este estudo é inmellorable, aínda que tamén é excelente o percorrido. Amosa un achegamento que non descoida os elementos que puideran sesgar a observación desta importante artista do século XX. Que dúbida cabe de que o ambiente frecuentado por ela, a súa condición de muller, a súa personalidade, que a fixo ser protagonista nun mundo masculino, a súa amizade con personaxes apaixoantes, alimentan a curiosidade pola súa vida persoal e isto sempre foi en detrimento da visualización da súa calidade artística. Neste caso a pintora Maruja Mallo foi vítima da muller.

Bernárdez diferencia a realidade sociopolítica da época máis o entorno da artista, da análise estética da obra. Así, unha vez elaborados os aspectos que fan da súa obra unha estética auténtica, avanza na súa contextualización. O autor disecciona os elementos estéticos no espazo da construción plástica, para analizar os recursos do tratamento da cor e do espazo; elabora unha clasificación da evolución do seu universo creativo e puntualiza os contidos estéticos e filosóficos que sustentan a súa obra para que estes atopen sós o camiño lóxico no contexto histórico. Este exercicio de dignificación da estética de Maruja Mallo, despexando os elementos que distraen da súa analise obxetiva, é algo que lle debíamos a esta artista, cuxa obra é unha das máis internacionais do panorama plástico galego do século XX.

A pintura da nova muller é unha boa guía para que o lector poida non só coñecer a obra de Maruja Mallo, senón tamén aspectos chave que percorren a creación artística en Galicia no inicio do século XX, e é un magnífico exemplo da estrutura da análise de obra dende o punto de vista compositivo, morfoloxico e histórico.

 

 

Escribir comentario

Comentarios: 0
Obra sobre papel
Publicaciones
Blog de arte
Bitacoras.com